OS NENOS NECESITAN ABURRIRSE

16.03.2015 15:00

Máis devagar cos fillos: un encontro con Carl Honoré

 

Cando cada noite lía un conto ao seu fillo, Carl Honoré saltaba liñas, parágrafos e incluso páxinas, nun intento de acurtar un pouco a historia. Un día, este periodista canadense descubriu o libro “Contos dun minuto para durmir” e entusiasmouno a idea de contar o conto ao seu fillo en só 60 segundos. “De súpeto pensei: até onde chegara?”, reflexionaba o autor de 'Bajo presión' na súa última visita a España.

 

Aquel foi un momento de revelación para Carl Honoré, precursor do movemento "Slow", que na súa intervención no congreso "El Ser Creativo" celebrado en Málaga defendeu as vantaxes de desacelerar, parar un pouco, ou mellor dito, “facer as cousas no seu tempo xusto”.

 

Nenos contaxiados polo virus da présa.

A aceleración que observamos en tódolos ámbitos da vida moderna (a comida, o traballo, o deporte, as relacións…) afecta especialmente aos nosos fillos.

No seu libro "Bajo Presión", Honoré describe como desde o berce os nosos nenos viven contaxiados do virus da présa: poñémoslles música desde moi cedo para mellorar o seu desenvolvemento, apuntámolos a actividades con poucos meses e despois sometémolos a ríxidos horarios e actividades extraescolares.

Este ritmo trepidante engade unha gran cantidade de ansiedade á súa vida, minora a capacidade de aprendizaxe dos nenos, dificulta as súas relacións sociais e, por suposto, a autoestima que están construíndo.

"A crianza sen presión consiste en deixar os nosos fillos descubrir o que son e non o que queremos que sexan. Isto significa deixar que as cousas sucedan en lugar de forzalas. Significa aceptar que as aprendizaxes e experiencias máis enriquecedoras a miúdo son imposibles de medirse ou clasificarse nun curriculum vitae".

 

Os nenos necesitan momentos de aburrimento.

“O que os nenos necesitan é tempo, lentitude, momentos incluso de aburrimento porque é así como expresan a súa creatividade, aprenden a socializarse e a coñecerse”, expresou no congreso de Málaga.

Segundo Honoré, con tantas présas esqueceunos como gozar plenamente do momento, sós ou con outros. Podemos de verdade diminuír o noso ritmo neste mundo de présas, diferenciar o urxente do importante, dedicar máis tempo ao que de verdade consideramos importante? “Si”, afirmou categórico.

El, que se recoñeceu un ex-adicto á velocidade, asegurou que desacelerar mudoulle a vida: “son máis feliz, máis produtivo, as miñas relacións son máis fortes e, a proba definitiva, leo ao meu fillo os contos con tódalas palabras”.

 

O movemento "Slow".

Carl Honoré é defensor do movemento "Slow", que intenta recuperar a calma perdida nas sociedades desenvolvidas para saborear a vida doutra maneira.

Honoré, autor tamén de "Elogio de la lentitud", describiu o movemento "Slow" como "unha revolución cultural. Un uso do tempo máis san, máis humano e —e isto non é un paradoxo— máis produtivo. De tratar de facer cada cousa o mellor posible, en vez de facela o máis rápido posible. É unha filosofía que se pode aplicar en tódolos ámbitos: comida, sexo, traballo, deseño, medicina...".

"Fomos creando unha embrutecedora cultura do perfeccionismo. Esperamos que todo sexa perfecto —os nosos dentes, os nosos corpos, as nosas vacacións. E queremos fillos perfectos para redondear o retrato. O problema é que non existe tal cousa e esa procura estase volvendo contra nós".

 

Lidia García Fresneda

Contacto

APA RASA C.E.I.P. Ramón de la Sagra No Comedor todos os martes, de
16:30 a 17:45h.
De luns a venres (17:00 - 19:00 h), no teléfono
615 512 306
anparamondelasagra@gmail.com